---------- Mensaxe reenviada ---------- De: Antón Méixome <cert...@certima.net> Data: 22:06 do 22 de febreiro de 2018 Asunto: Re: [Tradutores-Ubuntu] Aplicativo git Para: List for coordination of Ubuntu Galician translation team < ubuntu-l10n-gl@lists.ubuntu.com>
Ola, Moi interesantes reflexións no fío pero lembrade que a terminoloxía non só se emprega nas traducións das interfaces senón que tamén é necesaria para a documentación, manuais, etc. Por iso pola miña parte agradécese moito a precisión de conceptos que fai aquí Román e estou totalmente de acordo coa súa reflexión sobre a conveniencia de traducir. En relación con este campo tamén se teñen feito xa hai moito tempo traducións de software de CVS e Subversion. Creo lembrar que a forxa de Mancomún estaba traducida e algún máis. Para avanzar, xa que Marcos está na tarefa da tradución, propoño que remate a tradución asumindo os termos que a día de hoxe son estándares, por cohesión, e non teñen por que poñerse en cuestión. Refírome a cousas como File→Ficheiro, as cousas de estilo, etc, é dicir os consensos. Con respecto aos termos específicos pediría que fagas unha tradución con terminoloxía coherente (escollendo unha opción para cada termo e manténdoa sempre). Con iso xa te fas automaticamente cunha lista de termos que logo podemos reconsiderar/acordar por aquí. Moitas veces é necesario chegar ao final dunha tradución para ver todas as circunstancias e poder escoller a mellor solución. Nunha segunda volta rápida (no proceso de revisión, distinto do de tradución) harmonízase todo e avanzamos notablemente. Que vos parece? E por certo, "perante" é unha preposición, non un adverbio de lugar, un arcaismo xurídico que só significa máis ou menos "comparecer diante dunha persoa con autoridade". O que se quere dicir mellor con: por diante de, dediante de, en diante de, adiante de, adiantado a, ... Un saúdo, Antón Méixome -- Ubuntu-l10n-gl mailing list Ubuntu-l10n-gl@lists.ubuntu.com https://lists.ubuntu.com/mailman/listinfo/ubuntu-l10n-gl